O bolero de Strauss

o bolero de Strauss , por Hernán Naval

1.– A quen conta mentiras chámanlle polo nome dun bailábel: bolero. E xa se sabe qué historias narran os boleros: as de arrebatos paixoais, sempre viscerais, case nunca racionais. O problema, o conflicto de Manuel Valín coa Banda Municipal, polo feito de que estea dirixida por min, é de índole patolóxica, e a visceralidade derivada, a obsesión, lecouno desta volta a mentir pola rádio: é absolutamente falso que a Banda Municipal de Ribadeo fose convidada a participar na programación cultural de Outono do Concello de Ribadeo, como clarísimamente afirmou Valín en declaracións á Cope de Ribadeo o pasado xoves. Cando esta programación estaba decidida, parte do material publicitário da mesma xa en impresión e xa oferecida a Rolda de Prensa en que se fixo pública a Valín foille transmitida a contrariedade de quen isto asina polo feito de que o tradicional concerto de Nadal a base de música vienesa fundamentalmente, que nos dous anos anteriores ofrecera a Banda Municipal de Ribadeo por min dirixida, ia ser dado este ano, segundo a referida programación, polo Strauss Festival Orchester de Viena, directamente de Viena...Manuel Valín apresentou entón as rebaixas: se queríamos tocar un programa de bandas sonoras dentro da Semana de Cine que tamén figura na programación de marras. Non aceitamos, naturalmente. “A Banda si foi invitada a participar na programación cultural de Outono”, dixo Valín literalmente á Cope. Mentira!, digo eu agora: o que quixo foi amortiguar o efecto da afrenta que viña de perpetrar á Banda.

2.– “Un luxo para Ribadeo”. “Non podemos permitirnos prescindir dela”. “Nunca pensei que lles fóra molestar”. “Pisarlles o concerto deles, para nada...”. Agora Valín apresúrase a negar calquer intención perversa ao contratar á que el própio, erróneamente, chama “Orquesta Johann Strauss de Viena” (saberá realmente a quen trae?) e á que califica de “atracción musical”, como se os vieneses fosen actuar na discoteca. “A intención”, di Valín, “é criar caldo de cultivo” musical entre os nenos de Ribadeo afeizoados a música, para que podan “ver algo distinto”; violines por clarinetes, será a diferencia, aparte, claro está, de que o fagan moito mellor – aínda que tal vez con menor ilusión e desde logo que máis interesadamente, económicamente falando – uns profisionais que uns afeizoados, aínda por riba dirixidos por un do Bloque, que tamén é desgracia coa que polo de agora ten que apandar o señor Concelleiro de Cultura e outras cousas. Moitas gracias, señor Valín, por non lle recoñecer a Banda Municipal de Ribadeo, á súa Asociación promotora, á Escola Municipal de Música, o mérito de ter criado ese “caldo de cultivo”, que agora lle enche a boca, alomenos desde 1992. Nunha cousa non minte Valín: efectivamente non vai conquerir pisarnos o concerto noso; xa di que “quen non está de máis que dean o seu concerto”... Nen de máis nen de menos: xa que da Strauss “non podemos prescindir” (quen será o malvado que o obriga? Será para xustificar que aínda non volvese a Sinfónica de Galiza nen trazas haxa?, ou será que non quedan orquestras no seu rastro cultural?) e xa que se trata de “ver algo distinto”, velaí vai a nosa aportación: Como aquí nen en Viena (marchas, valses, habaneras, fados...), o día 30 de decembro, á hora de costume, no local de costume. (O concerto noso, até este ano titulábase “Aquí como en Viena”, pero como os de Viena xa están aquí e trátase de “ver algo novo”...). Por certo, vai todo pola nosa conta: carteis, programas, gratificacións ao persoal de montaxe, etc. O Concello ten abondo con pagar aos vieneses, e, por aquello do morbo ribadense, non estaría de máis, nen de menos, saber canto...

3.– A Manuel Valín causáronlle “extrañeza” as informacións de prensa que dan conta do malestar na Banda e na Directiva da entidade que a promove polo affaire Strauss, un malestar con eles, que “non teñen nada contra a Banda”, á que queren axudar “en todas as oportunidades”, como fixeron co certame de Bandas de setembro, para o que comprometeron un “bo e importante apoio”. Lástima fora, concelleiro. Valín e asáltano os demos: “Hai un sector interesado... todo o mundo sabemos quenes son os que tratan de romper as boas relacións que poda haber entre Amadores da Música e o Concello”: agora vai resultar que á Strauss Festival Orchester non a fichouu él e que está formada por mercenarios nacionalistas cuxos cérebros grises fixeron picar a Valín. Todo, con tal de non recoñecer que meteu a pata até a ingle; e non é a primeria vez: convertiu nun fiasco organizativo o concerto da Banda do 25 de Xullo, e logo tivo que pedir perdón pola mesma emisora pola que agora defende as súas determinacións; pifiouna despois o Día de San Roque ao no dispoñer, como coordenador da Comisión de Festas, a instalación dun palco cuberto e suficiente para o correspondente concerto da Banda; mandouna despois a Mondoñedo para que un mércores a escoitaran unha dúcia de persoas (ou dúcia e media, vale). Xa resulta sospeitosa tanta gamba introducida: nen el podo ser tan ineficaz. Cando o locutor lle pregunta polo oferecimento do Concello á Banda de lle patrocinar a grabación dun disco, Valín en plan aparentemente surrealista, espeta: “Xa foi moi polémica a campaña eleitoral”. Certo: o primeiro día da campaña, en un local público dixo que cando gañaran eu sería enviado a Sibéria. O último día, nun mitin, devolveume a tranquilidade: “Non imos facer desaparecer a Banda nen imos facer desaparecer o seu director”. Alegreime de saber que non ia ir para a cámara de gas. Pero e sospeitosa tanta declaración de boas intencións: “Non temos nada en contra da Banda”. “Quixemos aclarar e dixemos que íbamos apoiar á Banda, é a Banda Municipal...”, ao seu pesar...Xa se sabe: excusatio non pedita...

4.– Sobre o tema do disco, algo colateral ao asunto cerne desta polémica (porque isto é unha polémica, subscitada por acción – ou omisión – polo señor Valín, e non, como el di para quitar ferro, “un mal entendido”). Deixo para mellor ocasión deixar constancia ponderada de a que persoa se debe a iniciativa de que a Banda gravase un compact-disc e do intre e do xeito en que se concibeu a idea, hoxe proxecto preferencial da Banda en conxunto e, singularmente, meu. Igoal non tardamos moito en teer que informar polo miúdo disto, perante o novo arrebato colaboracionista do Concello... Ocorre, polo de pronto, que máis unha vez “unha entidade privada”, realice a “grabación e diz mil copias” do ditoso disco. Ou non somos conscientes das nosas capacidades mediáticas, a carón das cales a operación de marketing Adagio Karajan constituiría, proporcionalmente, un xogo de nenos, ou Valín non ten idea de matemáticas, o que resulta preocupante a estas alturas. Non lle hei mirar a dentadura a este presunto cabalo agasallado, á espera de coñecer as condicións técnicas do marco-proxecto discográfico municipal. Agora ben, ao César...

5.– Igoal que sobre o disco e a súa paternidade haberá ocasión de volver falar nos médios de comunicación, sobre a cuestión desencadenante dsta xa longa declaración haberá máis que dicer en canto se achegue a data do concerto, dos concertos, pois témome que o señor concelleiro de Cultura, despois do que dixo o outro día na rádio, non vaia pedir desculpas á Banda como fixo cando pola súa incompetencia destragou o concerto do 25 de xullo pasado. Todos á espera pois, e advirto que nesta resposta procurei aterme ao contido do declarado hai días por Valín. Polo de agora, calo. Sobre as edificantes actitudes verbais do super-concelleiro verbo do director da Banda perante os seus alunos (xa dixen que o seu problema conmigo é de índole patolóxica), calo. Sobre a maniobra eleitoral con diñeiro público, calo. Sobre Barcelona, calo. Calo polo de agora. Xa se saberá, insisto, que se cadra o repentino agarimo de Valín e compañía á Banda é amor letal. Que tente, non vaia ser o demo. De momento que lea “Granxa de animais”, de Orwel, e que mire, el, ao espello, e a min que me deixe en territorio humano.

6.– E finalmente , todo isto dígoo eu, Hernán Naval, director da Banda Municipal de Ribadeo a pesar de Valín. En nome de ninguén falo, nada máis que no meu próprio. Só eu responsabilízome do dito e das súas consecuencias. A músicos e directivos que os deixe Valín en merecida paz.

Data: 16/12/95

Fonte: la comarca del eo

Título: O BOLERO DE STRAUSS

Autor: HERNAN NAVAL

Descrición: Artigo que escribiu Hernán cando o Concello amañou un concerto para competir co „Aquí como en Viena“ da banda. A lembrar que á postre, entre outras cousas, os músicos visitantes non eran vieneses como se pretendeu nun principio, senón búlgaros

Chuzame! chuzame -

Leave a Reply

It sounds like SK2 has recently been updated on this blog. But not fully configured. You MUST visit Spam Karma's admin page at least once before letting it filter your comments (chaos may ensue otherwise).