Archive for Setembro, 2006

Día a día

Martes, Setembro 12th, 2006

Naturalmente, haberá cousas de Hernán que nunca saian á luz. moitas delas, íntimas, ou sinxelamente non destacables. Tamén haberá aqelas que se queden no tinteiro aínda que sexan representativas ou sinxelamente curiosas. Lembralas, chegar a elas, … está ó alcance de calquera que tivera contacto coa persoa. Lembro unha pequena cousa persoal que afecta a dúas persoas que xa non están: Hernán e Portu.

Camiño do Incio, collemos o autobús en Lugo, e é cando me decato de que vou sen clarinete. Hernán non fixo máis que chamar a Portu (o nivel de clarinetista non tiña que ver co meu) de darlle a miña partitura. Eu vin actuar a banda unh actuación completa vestido co uniforme, cousa que lle ten pasado a pouca xente, e, ó tempo que se me fixo máis patente o que xa sabía, que era clarinete terceiro con partituras doadas, tamén me deixou o regusto de que o meu papel non deixaba de ser importante, cando un clarinete primeiro era sacado da súa labor para facer o que eu tería que facer (é dicir, en certo xeito, era máis importante que un clarinete 1º), o que encheu o meu ego, e depende como, pode considerarse como unha leción de pedagoxía.

cartel do concerto do 29 de agosto de 1996

Mércores, Setembro 6th, 2006

cartel do concerto do 29 de agosto de 1996

cartel do concerto do 24 de agosto de 1995

Mércores, Setembro 6th, 2006

cartel do concerto do 24 de agosto de 1995

sintoo, mister

Mércores, Setembro 6th, 2006

por Fernando Raño, -Fuji-

Boas “míster”. ¿Sempre aquí metido, eh?. Hala home, invítoche a café… ¿Moito que facer?; dez minutiños nada máis…Sinto e odio á vez ter que dicirche isto. Síntoo míster, síntoo de verdade, aínda que fale por min coido que é sentimento común en moitos músicos, compañeiros, amigos…

– ¿Lembraste da túa escola?; túa, sentimental, conceitual e organizativamente. A mesma que naceu no teu maxín coma proxecto educativo, cultural e social de primeiro orde. A escola municipal de música que ti criaches da nada, mantiveches e defendiches con unllas e dentes, ti soiño (con máis ilusión e esforzo que medios e apoio); na que moitos de nós nos formamos nos conceitos básicos coma músicos, coma persoas. Na que gracias a ti aprendemos tanto; porque a cultura non se fai só con moreas de cartos para sair na prensa, senón tamén con boas ideas, materializadas con a loxística necesaria (organizativa, económica…); na que tanta xente disfrutou dun programa de estudos flexíbel, aberto, asequíbel e divertido; de nova e revolucionaria concepción pedagóxica (formación amateur con compoñente de centro cultural, educativo e social de dimensión viciñal); desmarcada e alonxada conceitualmente dos tradicionais Conservatorios, institucións mesmas que non aportan nada novo (formación moi específica e técnica para os que percuran unha saída profisional) para alguén que busque somentes comprender, descubrir, aprender e disfrutar con todo tipo de música sen importar o estilo, sexa por curiosidade intelectual, mellora persoal, inquedanzas culturais, melomanía, etc..

Educación e cultura musical para todos, non só para os que a poidan pagar (coma ocorre en Conservatorios, academias privadas e clases particulares a domicilio)… Ensinanza musical sen elitismos e incindindo nas bases a nivel elemental, a túa conceitual e utópica anque perseguíbel e desexábel: pirámide do ensino musical en Galiza (tiñas que ver agora a Keops como se puxo dende que te fuche, non hai dieta nen ximnasio que o amañe; o de sempre, moita titulitis e pouca cultura en xeral). Para todo o mundo sen excepcións: nenos, pais, nais, avós…de catro a oitenta anos…boa, bonita e barata (sobre todo barata). Si, a mesma que se criou pioneira en Galiza o abeiro da túa benquerida L.O.X.S.E. Serveu de modelo de referencia organizativa e conceitualmente para moitas outras. Referente cultural e modelo a exportar ó longo de toda a xeografía galega (nun país no que pensamos que o máximo en cultura musical significa sair en playback no Luar ou noutra ordinariez audiovisual semellante; gastar moreas de cartos en premios e certames para que pareza que se fai algo; ir a tocar á feira gastronómica de rigor; e como non, á inauguración oficial ou izado de bandeira perante as autoridades de turno,…); imitando os modelos educativos europeos máis avanzados. “Música para todos, todas as músicas” ese mesmiño era o lema da Asociación Europea de Escolas de Música (E.M.U.); ¿lembras? toda unha maneira de pensar e entender a ensinanza musical resumida nunha frase, xenial, ¿nonsi?. Sí, esa escola coa que viaxamos a Noruega no 2000, como esquecelo. Loucura organizativa certo, pero pagou a pena o resultado. Longas e esgotadoras viaxes de ida e volta; ensaios mañás e tardes sen descansos, noites na carretera… Tiveche que poñer o coche e a gasolina para poder ir a ensaiar por Galiza adiante mensualmente durante preto dun ano; atopar algún amigo que che fixera de chófer e ata che prestara o teléfono móbil; pais colaboradores que puxeran os seus coches e sacrificaran unha xornada de descanso laboral (por suposto, todo altruistamente e sen cobrar un peso de dietas); ademáis de poñer cartos do teu peto e do teu soldo para pagar a inscrición dos músicos ribadenses no festival de Trondheim (adonde fomos representar institucionalmente a Ribadeo e a Galiza na mesmiña terra dos fiordos e das valquirias, aló ben lonxe)…Institucións ¿onde estaban daquela?. Aínda así pasámolo ben alá, ¿non tío?. Inglés macarrónico para poder comer: “… juan chiken menu pliiissss…” ¿non o lembras?, si escachabamos todos coa risa ó escoitarte, si home, coa camarera que te miraba estranada sen entenderche unha palabra; unhas boas risas aló en Trondheim…

¿Porque cho conto dis?. Xa sei que o sabes. O que non sei se sabes e que esa mesma escola non vai a levar o teu nome… ¿Unha débeda coleitiva cara a quen tanto lle debemos?. ¿Suplir cunha decisión xusta unha inxustiza da vida?. Nada de nada aínda segues a ser molesto coma referente cultural, social e educativo…non che hai memoria histórica, esquecemos o que nos convén dun día para outro. Incríbel, moito hipócrita, amnésico e desagradecido eche o que hai. Aquí, en Ribadeo, deténse o tempo e volta á España dos anos 40 cando daba igual se era verdade o que se dicía senón que o importante era quen o dicía ou donde o dicía… o cura, o médico, o mestre ou quen tivera máis “clase social”¿Século XXI? ¿para qué?, manda carallo… Bueno tamén manda o concello que fai tempo contestou que nada de escola “Hernán Naval” que ademáis xa tiña nome e pensaban restaurarllo porque resulta que uns cantos ilusos llo pediramos para lembrarte.

– ¿Non me cres?, de verdade xúrocho. Home claro que é unha mentira, e das gordas ademáis, eu parvo non son aínda que mo faga ás veces. Semella triste que tantos anos facendo de conserxe da escola municipal de música, de administrativo, de director, de profesor, de fotocopiadora, de ordenador, de telefonista, de psicólogo… de tantas cousas…cambiar papel hixiénico, limpar ceniceiros, fregar as goteiras de teito que nos enchoupaban os timbais e o bombo, solucionar problemas familiares e persoais ós estudantes,… pero si ata te temos atopado alí metido algún fin de semana ás dúas da mañá cando voltabamos os músicos de copas…

Por suposto que xa contamos o do nascimento da banda dunha academia particular só para socios xestionada por unha entidade privada e civil e sin ánimo de lucro (“Amadores da Música”), o do DOGA no que se autorizaba un centro oficial e público de ensinanza musical (con as tasas municipais correspondentes) para todos e dependente do concello, entidade oficial, pública e “popular” e moitas outras cousas mil veces; pero sempre tentaron taparnos a boca con presión social, desinformación interesada e silencio oficial das partes implicadas (algúns pensan que desacreditando ó adversario seus argumentos convértense en menos certos ou válidos, que mágoa que a dialéctica non se estude nas escolas). Non conviña, ¿sabes? Nin que o dixeramos alto e claro nin que aínda por riba fose rigurosamente certo. Argumentos enriba da mesa, cronoloxía histórica demostrada, documentación oficial, feitos comprobados para quen quixera consultalos, semántica e dialéctica para explicar as cousas, racionalidade para intentar entender as diferentes posturas. ¿Demasiado simple? Non, hai moito polo medio, é obvio; ¿Desculpa oficial? Home claro pero nin sequera vale como tal; ¿motivos ocultos? Tamén. Decatome perfeitamente: falsedade, envexa, ciumes, xenreira, revanchismo político, prepotencia, posibilidade de vinganza cando non te podes defender… ¿sigo?. Non mellor non, Siberia queda moi lonxe…

¿Cirio dis? Home montouse unha boa lea pero quizáis non coma pensas. ¿Reaccións? Máis por defecto ca por exceso; Bah, pouca cousa en xeral, ¿estranado? A min non me solprende… Nin siquiera os da casa, que tristura haiche moito medo. Non, a iniciativa non saiu nen da banda nen da directiva nen da escola nen por suposto do concello. Saiu dun grupo de xente que sempre pensamos que o mereces: algúns músicos da banda, xente da escola, xente vencellada a ti e os teus proxectos en xeral, e moitos máis… ¿Apoios?, ¿Intitucionais? Vaia chiste. Os xustos para non mollarse, nen sequera iso; non vaia ser que perdamos subvencións do concello para unha tuba nova ou algún socio se dé de baixa. ¿Deslenguado?. Revisa a prensa e o mellor levas unha sorpresa sobre algunhas declaracións e silencios (ás veces aporta máis información o que deixa de dicirse que o que se di). ¿Non o cres ou non ques crelo?. Non é o mesmo é parecido. Algúns confunden o touciño con a velocidade, outros a dialéctica con a política e outras non loitan en guerras perdidas…Que mágoa. Para eles, claro…

¿Calar a boca?. Quizáis debera, non cho discuto pero resulta que non son capaz, non me deixa a miña conciencia; débocho mister porque o mereces, e prefiro durmir tranquilo. ¿Sabes? éme igoal, que lles dean; seguirei a tomalos viños e a falar dos bos e vellos tempos cos ex-compañeiros e compañeiros da banda (sinto que queden máis fóra que dentro, pero non me estrana); de cando a Banda era Sinfónica non só de nome. Sí, fíxenno, fágoo, e penso seguir a facelo. Tentaran quitarnos todo para que te esquezamos e oculta-lo que fixeches durante case dez anos e sen medios (se chegas a ter os recursos de agora mesmo non o cres); pero os nosos referentes culturais, sociais, persoais e educativos e as nosas lembranzas ficaran ahí para sempre (para lembrar o pasado, comprender o noso presente e dominar o noso futuro); un anaquiño teu, a túa semente de axitador socio-cultural, vivirá en cada un de nós con tenrura e respeto; iso, non poden quitárnolo…(anque te quiten dos textos sobor da Banda) formas parte dunha historia común, inesquecíbel e inevitábel (eche o que ten a historia, que aparte de ser antiga está chea de acontecimentos).

¿Contoche un segredo? chegaron a recriminarnos pola rúa o tema das firmas e enfadarse por iniciar esa campaña e foron máis aló neste pobo para deternos roubándonos firmas dun local público… ¿incríbel? pero certo…“ás veces importa máis a aniquilación (económica, social, intelectual,…) do discrepante que a própria Cultura…” (unha frase túa xa o sei, eu tamén lembro o Congreso do 94). Non se pretendeu incomodar a ninguén, cada un é moi libre de estar de acordo ou non, pero tampouco desmontamos as ideas e proxectos dos demáis con informacións que non son certas… Xa vou calando, se podo…; pero sempre ofrecendo un ponto de encontro xeracional, social, educativo, cultural e integrador de primeiro orde, dende a escola, dende a banda dende onde se podía; Unha vez en todo este tempo que amigos, músicos, compañeiros… pedimos algo xusto ou que pensamos que o é, e dannos as costas. Algo elitista ¿non?. Bueno, en fin que para moitos de nós foi, é e será a escola “Hernán Naval” e así pensamos chamarlle. ¿Nome oficial?¿nome institucional?¿Nome sentimental?. Xa o coñecemos todos…os que queremos.

Non, si o final non sei porque sempre me sinto mellor cando teño unha conversa contigo. Bueno pois iso que o saibas todiño…xa falaremos outro día…haiche moito que contar…coidádevos por alá…todos…e da saúdos por ahí…

Fernando Rodríguez Raño, ano 2002

O bolero de Strauss

Mércores, Setembro 6th, 2006

o bolero de Strauss , por Hernán Naval

1.– A quen conta mentiras chámanlle polo nome dun bailábel: bolero. E xa se sabe qué historias narran os boleros: as de arrebatos paixoais, sempre viscerais, case nunca racionais. O problema, o conflicto de Manuel Valín coa Banda Municipal, polo feito de que estea dirixida por min, é de índole patolóxica, e a visceralidade derivada, a obsesión, lecouno desta volta a mentir pola rádio: é absolutamente falso que a Banda Municipal de Ribadeo fose convidada a participar na programación cultural de Outono do Concello de Ribadeo, como clarísimamente afirmou Valín en declaracións á Cope de Ribadeo o pasado xoves. Cando esta programación estaba decidida, parte do material publicitário da mesma xa en impresión e xa oferecida a Rolda de Prensa en que se fixo pública a Valín foille transmitida a contrariedade de quen isto asina polo feito de que o tradicional concerto de Nadal a base de música vienesa fundamentalmente, que nos dous anos anteriores ofrecera a Banda Municipal de Ribadeo por min dirixida, ia ser dado este ano, segundo a referida programación, polo Strauss Festival Orchester de Viena, directamente de Viena…Manuel Valín apresentou entón as rebaixas: se queríamos tocar un programa de bandas sonoras dentro da Semana de Cine que tamén figura na programación de marras. Non aceitamos, naturalmente. “A Banda si foi invitada a participar na programación cultural de Outono”, dixo Valín literalmente á Cope. Mentira!, digo eu agora: o que quixo foi amortiguar o efecto da afrenta que viña de perpetrar á Banda.

2.– “Un luxo para Ribadeo”. “Non podemos permitirnos prescindir dela”. “Nunca pensei que lles fóra molestar”. “Pisarlles o concerto deles, para nada…”. Agora Valín apresúrase a negar calquer intención perversa ao contratar á que el própio, erróneamente, chama “Orquesta Johann Strauss de Viena” (saberá realmente a quen trae?) e á que califica de “atracción musical”, como se os vieneses fosen actuar na discoteca. “A intención”, di Valín, “é criar caldo de cultivo” musical entre os nenos de Ribadeo afeizoados a música, para que podan “ver algo distinto”; violines por clarinetes, será a diferencia, aparte, claro está, de que o fagan moito mellor – aínda que tal vez con menor ilusión e desde logo que máis interesadamente, económicamente falando – uns profisionais que uns afeizoados, aínda por riba dirixidos por un do Bloque, que tamén é desgracia coa que polo de agora ten que apandar o señor Concelleiro de Cultura e outras cousas. Moitas gracias, señor Valín, por non lle recoñecer a Banda Municipal de Ribadeo, á súa Asociación promotora, á Escola Municipal de Música, o mérito de ter criado ese “caldo de cultivo”, que agora lle enche a boca, alomenos desde 1992. Nunha cousa non minte Valín: efectivamente non vai conquerir pisarnos o concerto noso; xa di que “quen non está de máis que dean o seu concerto”… Nen de máis nen de menos: xa que da Strauss “non podemos prescindir” (quen será o malvado que o obriga? Será para xustificar que aínda non volvese a Sinfónica de Galiza nen trazas haxa?, ou será que non quedan orquestras no seu rastro cultural?) e xa que se trata de “ver algo distinto”, velaí vai a nosa aportación: Como aquí nen en Viena (marchas, valses, habaneras, fados…), o día 30 de decembro, á hora de costume, no local de costume. (O concerto noso, até este ano titulábase “Aquí como en Viena”, pero como os de Viena xa están aquí e trátase de “ver algo novo”…). Por certo, vai todo pola nosa conta: carteis, programas, gratificacións ao persoal de montaxe, etc. O Concello ten abondo con pagar aos vieneses, e, por aquello do morbo ribadense, non estaría de máis, nen de menos, saber canto…

3.– A Manuel Valín causáronlle “extrañeza” as informacións de prensa que dan conta do malestar na Banda e na Directiva da entidade que a promove polo affaire Strauss, un malestar con eles, que “non teñen nada contra a Banda”, á que queren axudar “en todas as oportunidades”, como fixeron co certame de Bandas de setembro, para o que comprometeron un “bo e importante apoio”. Lástima fora, concelleiro. Valín e asáltano os demos: “Hai un sector interesado… todo o mundo sabemos quenes son os que tratan de romper as boas relacións que poda haber entre Amadores da Música e o Concello”: agora vai resultar que á Strauss Festival Orchester non a fichouu él e que está formada por mercenarios nacionalistas cuxos cérebros grises fixeron picar a Valín. Todo, con tal de non recoñecer que meteu a pata até a ingle; e non é a primeria vez: convertiu nun fiasco organizativo o concerto da Banda do 25 de Xullo, e logo tivo que pedir perdón pola mesma emisora pola que agora defende as súas determinacións; pifiouna despois o Día de San Roque ao no dispoñer, como coordenador da Comisión de Festas, a instalación dun palco cuberto e suficiente para o correspondente concerto da Banda; mandouna despois a Mondoñedo para que un mércores a escoitaran unha dúcia de persoas (ou dúcia e media, vale). Xa resulta sospeitosa tanta gamba introducida: nen el podo ser tan ineficaz. Cando o locutor lle pregunta polo oferecimento do Concello á Banda de lle patrocinar a grabación dun disco, Valín en plan aparentemente surrealista, espeta: “Xa foi moi polémica a campaña eleitoral”. Certo: o primeiro día da campaña, en un local público dixo que cando gañaran eu sería enviado a Sibéria. O último día, nun mitin, devolveume a tranquilidade: “Non imos facer desaparecer a Banda nen imos facer desaparecer o seu director”. Alegreime de saber que non ia ir para a cámara de gas. Pero e sospeitosa tanta declaración de boas intencións: “Non temos nada en contra da Banda”. “Quixemos aclarar e dixemos que íbamos apoiar á Banda, é a Banda Municipal…”, ao seu pesar…Xa se sabe: excusatio non pedita…

4.– Sobre o tema do disco, algo colateral ao asunto cerne desta polémica (porque isto é unha polémica, subscitada por acción – ou omisión – polo señor Valín, e non, como el di para quitar ferro, “un mal entendido”). Deixo para mellor ocasión deixar constancia ponderada de a que persoa se debe a iniciativa de que a Banda gravase un compact-disc e do intre e do xeito en que se concibeu a idea, hoxe proxecto preferencial da Banda en conxunto e, singularmente, meu. Igoal non tardamos moito en teer que informar polo miúdo disto, perante o novo arrebato colaboracionista do Concello… Ocorre, polo de pronto, que máis unha vez “unha entidade privada”, realice a “grabación e diz mil copias” do ditoso disco. Ou non somos conscientes das nosas capacidades mediáticas, a carón das cales a operación de marketing Adagio Karajan constituiría, proporcionalmente, un xogo de nenos, ou Valín non ten idea de matemáticas, o que resulta preocupante a estas alturas. Non lle hei mirar a dentadura a este presunto cabalo agasallado, á espera de coñecer as condicións técnicas do marco-proxecto discográfico municipal. Agora ben, ao César…

5.– Igoal que sobre o disco e a súa paternidade haberá ocasión de volver falar nos médios de comunicación, sobre a cuestión desencadenante dsta xa longa declaración haberá máis que dicer en canto se achegue a data do concerto, dos concertos, pois témome que o señor concelleiro de Cultura, despois do que dixo o outro día na rádio, non vaia pedir desculpas á Banda como fixo cando pola súa incompetencia destragou o concerto do 25 de xullo pasado. Todos á espera pois, e advirto que nesta resposta procurei aterme ao contido do declarado hai días por Valín. Polo de agora, calo. Sobre as edificantes actitudes verbais do super-concelleiro verbo do director da Banda perante os seus alunos (xa dixen que o seu problema conmigo é de índole patolóxica), calo. Sobre a maniobra eleitoral con diñeiro público, calo. Sobre Barcelona, calo. Calo polo de agora. Xa se saberá, insisto, que se cadra o repentino agarimo de Valín e compañía á Banda é amor letal. Que tente, non vaia ser o demo. De momento que lea “Granxa de animais”, de Orwel, e que mire, el, ao espello, e a min que me deixe en territorio humano.

6.– E finalmente , todo isto dígoo eu, Hernán Naval, director da Banda Municipal de Ribadeo a pesar de Valín. En nome de ninguén falo, nada máis que no meu próprio. Só eu responsabilízome do dito e das súas consecuencias. A músicos e directivos que os deixe Valín en merecida paz.

Data: 16/12/95

Fonte: la comarca del eo

Título: O BOLERO DE STRAUSS

Autor: HERNAN NAVAL

Descrición: Artigo que escribiu Hernán cando o Concello amañou un concerto para competir co „Aquí como en Viena“ da banda. A lembrar que á postre, entre outras cousas, os músicos visitantes non eran vieneses como se pretendeu nun principio, senón búlgaros

biografia de Hernán Naval

Mércores, Setembro 6th, 2006
Print E-mail

HERNÁN F. NAVAL PARAPAR (Viveiro, 1962 – Ribadeo, 2001)

Estudiou nos Conservatorios de A Coruña, Madrid, Santiago e Lugo. Foi profesor do Conservatorio de Música de Viveiro ata o seu traslado a Ribadeo para fomar e dirixir a Banda Municipal de Ribadeo. Creou co apoio e patrocinio do Excmo Concello, a Escola Municipal de Música de Ribadeo, primeiro centro das súas características fundado en Galicia no ano 1993, centro que no momento do seu pasamento contaba con 230 alumnos.

Presidiu a agrupación cultural Sementeira dende 1984 ata 1992. Durante este periodo desenrolou unha intensísima labor cultural: mantivo un programa radiofónico e deseñou a campaña: Salvemos o teatro “Pastor Díaz” ( ano 1988) entrevistándose entón en duas ocasións co conselleiro de cultura, naquela época, Alfredo Conde.

Tamén organizou o primeiro encontro de asociacións culturais da Mariña, que celebrouse no ano 1989 en Viveiro. Foi vicepresidente da Federación de Asociacións culturais galegas e colaborou coa prensa comarcal . Cos seus artigos de opinión apoiou moitas iniciativas culturais na Mariña. Participou coma mestre na posta en marcha do conservatorio de música de Viveiro e foi un membro destadcado da banda municipal.

Foi autor de pezas para coro (formou e dirixiu durante dous anos a Coral Polifónica de San Cibrán – Cervo) e para Banda; dúas das súas obras (Portbou-Saraxevo e Lonxe do Mar) están incluídas no CD gravado pola Banda Municipal de Ribadeo baixo a súa dirección.

Hernán Naval ten contribuido, como relator, conferenciante e articulista, á divulgación dun novo discurso sobre o papel socio-cultural das Bandas amaters e á formación da xuventude, organizando en Ribadeo, en 1994, un importante Congreso de Bandas de Música Populares de Galicia e participando en diversos foros.

Políticamente, Hernán Naval era afiliado do BNG e foi candidato ó Senado nas últimas eleccións xerais. E Era directivo da agrupación cultural Francisco Lanza.

Hernán Naval foi ata o seu pasamento o vice-presidente da Asociación Galega de Escolas Municipais de Música (AGEMM) e dirixiu a Big-band promovida por esta asociación para participar no VI Festival de Música dos Xoves Europeos que se celebrou en Trondheim (Noruega) do 31 de maio ó 4 de xuño do ano 2000, organizado pola EMU (European Musicschools Union); foi tamén promotor da Banda da Federación Galega e segundo director da mesma, dirixindo a Agrupación xunto co seu director titular Marcel van Bree, o día da súa estrea no Auditorio de Galicia, e cun arranxo feito por el mesmo do Segundo Movemento da Sinfonía nº 2 “Nas montañas de Galicia” de Andrés Gaos.

¿Quen foi Hernán Naval?

Mércores, Setembro 6th, 2006


Hernán F. Naval Parapar

Viveiro, 1962, Ribadeo, 2001

Musico, mestre de música, compositor, escritor…

Despois de estudiar música, foi profesor do conservatorio de Viveiro, onde presidiu a asociación cultural “Sementeira” do ano 1984 o ano 1992, anos nos que mantivo unha intesa labor cultural en varios ámbitos.

Trasladouse a Ribadeo para formar e dirixir a Banda Municipal e a escola municipal de música (primeira do seu tipo en Galicia).

Compuxo obras para coro e para banda.

Deulle un pulo especial a creación das bandas amateur e a pedagoxia musical, incidindo sobre as relacións entre os xoves e a música.

Desempeñou cargos de importancia en diversas asociacións musicais.

Finou repentinamentepor infarto o 18 de maio de 2001

Hernán Naval

Martes, Setembro 5th, 2006

Hernán Fernando Naval Parapar. Músico galego (Viveiro 1962 – Ribadeo 16 de maio de 2001), director de banda e trompetista, a máis de compositor, pedagogo, poeta, dramaturgo, ensaísta…

Creador da banda de Ribadeo, da Academia de Música Carlos Álvarez Fernández-Cid e da Escola Municipal de Música de Ribadeo (para a que se están facendo xestións para que leve o seu nome), das que foi director. Asi mesmo, tamén foi director con anterioridade da Coral de S. Cibrao. É autor de obras musicais para diversas agrupacións e de numerosos arranxos. Dirixiu musicalmente a Banda Sinfónica Muncipal de Ribadeo dende a súa creación (1992) ata convertila nunha das máis importantes de Galicia, grabando con ela dous discos, no primeiro dos cales gravou dúas obras súas.

Tamén foi un prolífico articulista, facendo incursións no ensaio e o teatro. A súa obra pedagóxica está recollida en múltiples conferencias e artigos recollidos en diversos medios e publicacións. A súa faceta literaria está exemplificada nalgunhas das súas obras teatrais como “Comunicando” e en multitude de poemas.

Asi mesmo tamén tivo intervención na política, incluído nas listas do BNG
[editar]

Obras musicais

* Portbou-Saraxevo
* Lonxe do mar
* Mar por médio
* Soatinhabaneira
* Il nome della rosa