Archive for the ‘artigos Hernan’ Category

SOBRE A ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA

Martes, Abril 24th, 2007

Fonte: La Comarca del Eo
Data: 23/10/93
Autor: Hernán Naval

O comezo do calendario de aplicación da Lei Orgánica de Ordenación Xeral do Sistema Educativo (LOXSE) nos Conservatorios de Música o pasado curso académico, suscitou en diversos sectores a normal inquedanza perante calquer reforma educativa ou política. Menos normal, menos xustificábel, foi o rexeitamento sen análise de moitos profisionais do ensino da música. Tantos, que algúns Conservatorios simplemente non aplicaron o calendario de substitución do plano de estudos de 1966 (ben vello, non si?) e segueron a impartir e realizar exames oficiais e libres de asignaturas que tiñan ficado eliminadas ou substituidas. Incurriron, xa que logo, en ilegalidade, e as administracións educativas central e autonómica, no canto de sancionar aos centros infractores, enmendaron a própria lei para que neste curso que comeza, tais centros, á vista da normalidade académica habida nos conservatorios viciños, aplicasen a LOXSE sen prexuícios negativos. Enténdese, por máis que non se comparte, a oposición dalguns centros e dalguns profisionais do ensino privado da música ao novo plano educativo, toda vez que éste obriga a unha auto-reciclaxe profisional eminentemente pedagóxica, que ao cabo revertirá máis na formación musical de nenos e mozos que nas rentas de cada un. Recuperada a paz musical educativa, e agora que en Ribadeo se abre unha Escola Municipal de Música ao abeiro da nova lexislación, decullaremos algo désta, brevemente, nas liñas que seguen, ao tempo que significaremos alguns aspectos administrativos e académicos da Escola, xa que hai quen califica de inserción publicitaria eleitoral o anuncio do prazo de matrícula oficial no centro…

O Pleno do Concello de Ribadeo aprobou por unanimidade, en xaneiro de 1992, a criación dun Conservatorio de Música en Ribadeo; inmediatamente , solicitouse a autorización de apertura á Consellaria de educación. Tiven a honra de coordenar, meses despois, a elaboración dun necesariamente minucioso expedente, seguindo tardías instrucións da Consellería. Mais o início de aplicación da LOXSE nos Conservatorios o curso pasado, como se apontou enriba, fixo que o Consello da Xunta conxelase a apertura de novos centros. Daquela estaban solicitados, ademáis do de Ribadeo, aínda que con expedientes elaborados con menos ponderación que o de aquí, os de Padrón e Ribeira. Que Ribadeo cumpria superiores condicións infraestruturais para a apertura do seu Conservatorio non o dicimos nós, senon os responsabeis técnicos da Consellaria; con todo, non se autorizou a apertura de nengun, pésie ao sigue antipócico dos governos municipais das outras vilas citadas.

Aspeito crucial da filosofía da LOXSE en materia musical é a segregación física dos ámbitos de estudo dos graos elemental e medio ou profisional. Querse que paulatinamente os Conservatorios asuman funcions exclusivas de formación de profisionais do ensino, da criación ou da interpretación pública. Isto é, os actuais Conservatorios de grao elemental asumen unhas leoninas condicións de profesorado, locais e equipamento (seis especialidades instrumentais diferenciadas que permitan a posta en marcha duna orquestra de cámara, sá de concertos própria, etc.) para pasaren a ser de grao médio-profisional, ou se reconvirten en Escolas como a que aquí se cria de principio baixo tutela municipal. A función destas Escolas é meridiana: fomentar a afeizón desde a própria prática musical e preparar aos alunos máis dotados e vocacionais para o acceso aos estudos profisionais: en calquer caso, mediante exame de ingreso nun Conservatorio de grao médio. Transitoriamente os Conservatorios, mesmo os de grao médio, deber impartir os ciclos elementais da LOXSE musical, nos que desaparecen as convocatorias de setembro e as de exames libres.

Na Galiza, a regulación das condicións de criación e funcionamento das Escolas de Música recóllese na Orde da Consellaria de Educación e Ordenación Universitaria do 11 de marzo de 1993, publicada no Diario Oficial de Galiza o 22 de Abril. Convidamos a quen cultiven reticencias políticas a consultar os papeis polo miudo. A orde sinal desde os obxectivos docentes ds Éscolas até os trámites precisos para que un Concello, ou unha entidade privada, obreña a autorización de apertura e a inscripción no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galiza. As Escolas autorizadas fican sometidas á Inspección da Consellaria de Educación.

Tamén recolle a Orde unha série de orientacións metodolóxicas a seguer, no organizativo e no docente, nas Escolas de novo tipo, como ésta que nasce agora en Ribadeo da man do Concello. Reitérase nestas orientacións a función de preparación de profisionais futuros. Inciden ao detalle na necesidade do ensino da prática instrumental e vocal de conxunto, algo absolutamente descuidado, no nível elemental no plano de estudos de 1966 . Aconsellan a implantación, de haber matrícula suficiente, da clase de Música e movimento para nenos e nenas entre os catro e os oito anos, asi como a atención a nenos con necesidades especiais.

As novas Escolas de Música, fronte aos Conservatorios elementais tradicionais, gozan legalmente duna série de vantaxes engadidas: non se estabelece límite de idade para a inscripción; o precio da matrícula, ao non constituir tasa pública estabelecida pola Consellería de Educación, será sempre, con toda probabilidade, ostensiblemente inferior ao dos Conservatorios: será moi inferior en todo caso, na Escola Municipal de Música de Ribadeo.

O plano de estudos de 1966 conleva a obtención dun Diploma Elemental nas distintas especialidades instrumentais ao concluir os estudos de grao elemental de respectivo instrumento (catro cursos nos casos do Piano e do Violino, tres no dos intrumentos de vento) máis o 4º curso de Solfexo e o 1º de conxunto coral. Ese Diploma expedido polo Ministerio de Educación, non faculta para o exercício da profisión musical en nengunha faceta, nen na docente nen na concertística; é só un recoñecimento formal da realización dos primeiros estudos de música. Na LOXSE desaparece. A citada Orde da Consellaria faculta ás novas Escolas de música para expedir as próprias credenciais de estudos realizados, os próprios “diplomas” aos alunos que concluan o plano de estudos do centro. Nen os diplomas de antes nen os que agora se permite expedir son un título; só son un recoñecimento formal en papel. Non hai diferencia substancial algunha. Os alunos que por especial vocación ou adicación querian acceder a estudos profisionais, haberán facelo mediante exame de ingreso un Conservatorio Medio ou Superior. Para iso terán de prepararse en Escolas como a de Ribadeo, na que, polo demáis , o profesorado será titulado e a infraestrutura de locais e equipamento plenamente satisfactoria.

A oferta é variada: Piano, Violino, Violoncello, instrumentos de vento, Linguaxe musical, Coro, Harmonia….A matrícula , ben barata. Nada obsta para que estudantes de música que teñan comezado os seus estudos seguindo o plano de 1966 receban nesta Escola de novo tipo as ensinanzas precisas para concorrir a exames libres de Conservatorios tradicionais.

Para concluir este xa demasiado longo excurso, desexo manisfestar con certa contundencia a miña filiación crítica e construtiva á filosofía da LOXSE en materia musical, expresada desde o comezo do proceso: non é o meu un arrimo oportunista a destempo. Durante anos, os profisionais da música deste país reclamaban case ao unísono a reforma musical no encino seguindo o modelo dos máis avanzados, culturalmente, estilos de Europa. Cando ao cabo veu esta reforma –con lagoas, con imperfecións, pero ao fin veu- racharonse vestiduras porque se pensou que se rachaban petos. “Todo pasa y todo queda”, dixo Machado: que pasen desconfianzas e que fique a música. Estudar música é , desde agora, máis fácil, máis divertido e, ao cabo, máis produtivo. Tamén en Ribadeo.

O bolero de Strauss

Mércores, Setembro 6th, 2006

o bolero de Strauss , por Hernán Naval

1.– A quen conta mentiras chámanlle polo nome dun bailábel: bolero. E xa se sabe qué historias narran os boleros: as de arrebatos paixoais, sempre viscerais, case nunca racionais. O problema, o conflicto de Manuel Valín coa Banda Municipal, polo feito de que estea dirixida por min, é de índole patolóxica, e a visceralidade derivada, a obsesión, lecouno desta volta a mentir pola rádio: é absolutamente falso que a Banda Municipal de Ribadeo fose convidada a participar na programación cultural de Outono do Concello de Ribadeo, como clarísimamente afirmou Valín en declaracións á Cope de Ribadeo o pasado xoves. Cando esta programación estaba decidida, parte do material publicitário da mesma xa en impresión e xa oferecida a Rolda de Prensa en que se fixo pública a Valín foille transmitida a contrariedade de quen isto asina polo feito de que o tradicional concerto de Nadal a base de música vienesa fundamentalmente, que nos dous anos anteriores ofrecera a Banda Municipal de Ribadeo por min dirixida, ia ser dado este ano, segundo a referida programación, polo Strauss Festival Orchester de Viena, directamente de Viena…Manuel Valín apresentou entón as rebaixas: se queríamos tocar un programa de bandas sonoras dentro da Semana de Cine que tamén figura na programación de marras. Non aceitamos, naturalmente. “A Banda si foi invitada a participar na programación cultural de Outono”, dixo Valín literalmente á Cope. Mentira!, digo eu agora: o que quixo foi amortiguar o efecto da afrenta que viña de perpetrar á Banda.

2.– “Un luxo para Ribadeo”. “Non podemos permitirnos prescindir dela”. “Nunca pensei que lles fóra molestar”. “Pisarlles o concerto deles, para nada…”. Agora Valín apresúrase a negar calquer intención perversa ao contratar á que el própio, erróneamente, chama “Orquesta Johann Strauss de Viena” (saberá realmente a quen trae?) e á que califica de “atracción musical”, como se os vieneses fosen actuar na discoteca. “A intención”, di Valín, “é criar caldo de cultivo” musical entre os nenos de Ribadeo afeizoados a música, para que podan “ver algo distinto”; violines por clarinetes, será a diferencia, aparte, claro está, de que o fagan moito mellor – aínda que tal vez con menor ilusión e desde logo que máis interesadamente, económicamente falando – uns profisionais que uns afeizoados, aínda por riba dirixidos por un do Bloque, que tamén é desgracia coa que polo de agora ten que apandar o señor Concelleiro de Cultura e outras cousas. Moitas gracias, señor Valín, por non lle recoñecer a Banda Municipal de Ribadeo, á súa Asociación promotora, á Escola Municipal de Música, o mérito de ter criado ese “caldo de cultivo”, que agora lle enche a boca, alomenos desde 1992. Nunha cousa non minte Valín: efectivamente non vai conquerir pisarnos o concerto noso; xa di que “quen non está de máis que dean o seu concerto”… Nen de máis nen de menos: xa que da Strauss “non podemos prescindir” (quen será o malvado que o obriga? Será para xustificar que aínda non volvese a Sinfónica de Galiza nen trazas haxa?, ou será que non quedan orquestras no seu rastro cultural?) e xa que se trata de “ver algo distinto”, velaí vai a nosa aportación: Como aquí nen en Viena (marchas, valses, habaneras, fados…), o día 30 de decembro, á hora de costume, no local de costume. (O concerto noso, até este ano titulábase “Aquí como en Viena”, pero como os de Viena xa están aquí e trátase de “ver algo novo”…). Por certo, vai todo pola nosa conta: carteis, programas, gratificacións ao persoal de montaxe, etc. O Concello ten abondo con pagar aos vieneses, e, por aquello do morbo ribadense, non estaría de máis, nen de menos, saber canto…

3.– A Manuel Valín causáronlle “extrañeza” as informacións de prensa que dan conta do malestar na Banda e na Directiva da entidade que a promove polo affaire Strauss, un malestar con eles, que “non teñen nada contra a Banda”, á que queren axudar “en todas as oportunidades”, como fixeron co certame de Bandas de setembro, para o que comprometeron un “bo e importante apoio”. Lástima fora, concelleiro. Valín e asáltano os demos: “Hai un sector interesado… todo o mundo sabemos quenes son os que tratan de romper as boas relacións que poda haber entre Amadores da Música e o Concello”: agora vai resultar que á Strauss Festival Orchester non a fichouu él e que está formada por mercenarios nacionalistas cuxos cérebros grises fixeron picar a Valín. Todo, con tal de non recoñecer que meteu a pata até a ingle; e non é a primeria vez: convertiu nun fiasco organizativo o concerto da Banda do 25 de Xullo, e logo tivo que pedir perdón pola mesma emisora pola que agora defende as súas determinacións; pifiouna despois o Día de San Roque ao no dispoñer, como coordenador da Comisión de Festas, a instalación dun palco cuberto e suficiente para o correspondente concerto da Banda; mandouna despois a Mondoñedo para que un mércores a escoitaran unha dúcia de persoas (ou dúcia e media, vale). Xa resulta sospeitosa tanta gamba introducida: nen el podo ser tan ineficaz. Cando o locutor lle pregunta polo oferecimento do Concello á Banda de lle patrocinar a grabación dun disco, Valín en plan aparentemente surrealista, espeta: “Xa foi moi polémica a campaña eleitoral”. Certo: o primeiro día da campaña, en un local público dixo que cando gañaran eu sería enviado a Sibéria. O último día, nun mitin, devolveume a tranquilidade: “Non imos facer desaparecer a Banda nen imos facer desaparecer o seu director”. Alegreime de saber que non ia ir para a cámara de gas. Pero e sospeitosa tanta declaración de boas intencións: “Non temos nada en contra da Banda”. “Quixemos aclarar e dixemos que íbamos apoiar á Banda, é a Banda Municipal…”, ao seu pesar…Xa se sabe: excusatio non pedita…

4.– Sobre o tema do disco, algo colateral ao asunto cerne desta polémica (porque isto é unha polémica, subscitada por acción – ou omisión – polo señor Valín, e non, como el di para quitar ferro, “un mal entendido”). Deixo para mellor ocasión deixar constancia ponderada de a que persoa se debe a iniciativa de que a Banda gravase un compact-disc e do intre e do xeito en que se concibeu a idea, hoxe proxecto preferencial da Banda en conxunto e, singularmente, meu. Igoal non tardamos moito en teer que informar polo miúdo disto, perante o novo arrebato colaboracionista do Concello… Ocorre, polo de pronto, que máis unha vez “unha entidade privada”, realice a “grabación e diz mil copias” do ditoso disco. Ou non somos conscientes das nosas capacidades mediáticas, a carón das cales a operación de marketing Adagio Karajan constituiría, proporcionalmente, un xogo de nenos, ou Valín non ten idea de matemáticas, o que resulta preocupante a estas alturas. Non lle hei mirar a dentadura a este presunto cabalo agasallado, á espera de coñecer as condicións técnicas do marco-proxecto discográfico municipal. Agora ben, ao César…

5.– Igoal que sobre o disco e a súa paternidade haberá ocasión de volver falar nos médios de comunicación, sobre a cuestión desencadenante dsta xa longa declaración haberá máis que dicer en canto se achegue a data do concerto, dos concertos, pois témome que o señor concelleiro de Cultura, despois do que dixo o outro día na rádio, non vaia pedir desculpas á Banda como fixo cando pola súa incompetencia destragou o concerto do 25 de xullo pasado. Todos á espera pois, e advirto que nesta resposta procurei aterme ao contido do declarado hai días por Valín. Polo de agora, calo. Sobre as edificantes actitudes verbais do super-concelleiro verbo do director da Banda perante os seus alunos (xa dixen que o seu problema conmigo é de índole patolóxica), calo. Sobre a maniobra eleitoral con diñeiro público, calo. Sobre Barcelona, calo. Calo polo de agora. Xa se saberá, insisto, que se cadra o repentino agarimo de Valín e compañía á Banda é amor letal. Que tente, non vaia ser o demo. De momento que lea “Granxa de animais”, de Orwel, e que mire, el, ao espello, e a min que me deixe en territorio humano.

6.– E finalmente , todo isto dígoo eu, Hernán Naval, director da Banda Municipal de Ribadeo a pesar de Valín. En nome de ninguén falo, nada máis que no meu próprio. Só eu responsabilízome do dito e das súas consecuencias. A músicos e directivos que os deixe Valín en merecida paz.

Data: 16/12/95

Fonte: la comarca del eo

Título: O BOLERO DE STRAUSS

Autor: HERNAN NAVAL

Descrición: Artigo que escribiu Hernán cando o Concello amañou un concerto para competir co „Aquí como en Viena“ da banda. A lembrar que á postre, entre outras cousas, os músicos visitantes non eran vieneses como se pretendeu nun principio, senón búlgaros