Archive for the ‘artigos opinion’ Category

aprender a ensinar

Venres, Maio 25th, 2007

(Este artigo publicouse o 19 de maio do 2007 na Comarca del Eo, semanario ribadense en lembranza de Hernán)

APRENDER A ENSINAR

“Este libro aprendino dos meus alunos(…) Cando eu ensinaba, xamais tentei dicir o aluno só “o que eu sabía”(…) buscaba o que o aluno non sabía (…) obrigabame a atopar algo novo para cada aluno (…) Xamais existiron para min esas regras que tan paseniño artellan as súas redes arredor do cerebro do aluno(…)

(…)Un profesor debe de ter o valor de trabucarse. non debera presentarse coma un ser que todo sabe e que xamais erra, senon coma persoa incansable que busca sempre e que, quizais, as veces atopa algo (…) Xamais fixen crer os meus alunos que fora perfecto (…) os erros obrigabanme a novas probas e a mellora das miñas ideas (…)
Asi naceu este libro (…) Dos erros dos meus alunos por mor das miñas instruccións (…) E penso que non nos foi mal nen os meus alunos nen a min (…) Se lles dixera só o que eu sei so saberían eso (…) Pero así saberán de onde pode vir o coñecemento: !da búsqueda!(…)
(…)!Espero que os meus alunos busquen! Así saberán que se busca somentes por buscar. Porque atopar é a meta, mais moi a miúdo significa o final desa tensión que tantos froitos da (..).”.


HARMONIELEHERE.

Arnold Schoenberg

Viena, 1911; morría Mahler (Mahler, Gustav. 1860-1911) incomprendido, maltratado e inxustamente tratado pola critica. Pouco despois Schoenberg (Schöenberg, Arnold. 1874-1951) adicaballe o seu Tratado de Harmonía. Fuxido do seu país por mor da persecución na Alemaña nazi; o longo da súa vida sempre se amosou inquedo e insatisfeito insistindo na liberdade de autoexpresión. A súa laboura intensa de creación musical, intelectual e pedagóxica semella froito da súa necesidade de expresarse en moitos eidos. O seu pensamento despregouse en artigos, composicións, libros, conferencias, e nas súas clases onde sempre agromou o seu dinamismo mental. Hoxe en día, o seu tratado de harmonía, é un dos mellores neste eido. A longa cita deste artigo é tirada do limiar (harmonielehre; ed. Real Musical; 1992). Albiscase na lonxanía unha nova reforma educativa e case un século despois as verbas de Schoenberg, tan universais coma atemporais, seguen a levar reflexións o eido da ensinanza.

Para él ser humano é igual a buscar; é dicir, manter esperta a mente e a sensibilidade rexeitando a comodidade (“os que aman a comodidade xamais buscaran ali onde non atopen”; ” a comodidade pagase coa superficialidade” Arnold dixit). A maneira de exemplo gráfico para comparar cos procesos de aprendizaxe, fala dun xogo de paciencia que ten tres tubiños de metal de distintos grosos metidos nunha caixa de cristal sen tapa, o obxectivo do xogo é encaixar os tubos uns nos outros. A dúbida prantexada é ¿encaixariamos uns tubos nos outros con habilidade, inxenio e metódicamente?; ou, ¿axitariamos a caixa o chou ata que con sorte caeran no seu sitio?.

A idea é que, as veces, só o movimento conquire o que o cálculo non pode. Aplicada a ensinanza prantexa preguntas; ¿que conquire o profesor co cálculo, co método moitas veces? a súa propia comodidade e algo de movimento se todo vai ben (menudo mérito) pero si algo vai mal segundo o método, non encaixa nos “standards”, ou o aluno fai preguntas chega a parálise, a incapacidade de reacción fronte o novo; por suposto esta parálise non amosa nada á luz, só o movimento da froitos. Segundo Schoenberg quizais sexa mellor comezar dende o primeiro co movimento, máis este é inimigo da comodidade; chegado o caso un nega a outra, hai que facer unha das dúas cousas. Neste intre, é cando o profesor que non se preocupa mais que do que sabe e non se apaixoa non será quen de transmitilo nen de atopar un novo camiño que abra portas a parálise. Debe entón tal movimento, comezar nel, alcanzando e contaxiando os seus alunos, con sorte a súa tarefa provocará algunha sacudida no aluno darriba a abaixo para que cando a tormenta esvaeza todo quede no seu lugar.

“…Quizais isto nunca ocorra pero este movimento que ven do profesor voltará a él. Tamén nese sentido aprendin este libro dos meus alunos e debo aproveitar esta ocasión para agradecerllo quizais ese movimento volva a min algún día.”

Quizais algun dia poida xerar ese movimento, non o sei e quizais xamais o saiba; mentras tanto seguirei a buscar (ainda que non atope), a preguntar, a lembrar e mesmo a soñar tamén.

Porque nalgún dos meus soños o movimento que iniciou Hernán Naval vai anos volta a él coma merece e está a verlo cun enorme sorriso.

Porque en moitos casos as lembranzas tamén constituen referentes.

Fernando Rodriguez Raño

Día a día

Martes, Setembro 12th, 2006

Naturalmente, haberá cousas de Hernán que nunca saian á luz. moitas delas, íntimas, ou sinxelamente non destacables. Tamén haberá aqelas que se queden no tinteiro aínda que sexan representativas ou sinxelamente curiosas. Lembralas, chegar a elas, … está ó alcance de calquera que tivera contacto coa persoa. Lembro unha pequena cousa persoal que afecta a dúas persoas que xa non están: Hernán e Portu.

Camiño do Incio, collemos o autobús en Lugo, e é cando me decato de que vou sen clarinete. Hernán non fixo máis que chamar a Portu (o nivel de clarinetista non tiña que ver co meu) de darlle a miña partitura. Eu vin actuar a banda unh actuación completa vestido co uniforme, cousa que lle ten pasado a pouca xente, e, ó tempo que se me fixo máis patente o que xa sabía, que era clarinete terceiro con partituras doadas, tamén me deixou o regusto de que o meu papel non deixaba de ser importante, cando un clarinete primeiro era sacado da súa labor para facer o que eu tería que facer (é dicir, en certo xeito, era máis importante que un clarinete 1º), o que encheu o meu ego, e depende como, pode considerarse como unha leción de pedagoxía.

sintoo, mister

Mércores, Setembro 6th, 2006

por Fernando Raño, -Fuji-

Boas “míster”. ¿Sempre aquí metido, eh?. Hala home, invítoche a café… ¿Moito que facer?; dez minutiños nada máis…Sinto e odio á vez ter que dicirche isto. Síntoo míster, síntoo de verdade, aínda que fale por min coido que é sentimento común en moitos músicos, compañeiros, amigos…

– ¿Lembraste da túa escola?; túa, sentimental, conceitual e organizativamente. A mesma que naceu no teu maxín coma proxecto educativo, cultural e social de primeiro orde. A escola municipal de música que ti criaches da nada, mantiveches e defendiches con unllas e dentes, ti soiño (con máis ilusión e esforzo que medios e apoio); na que moitos de nós nos formamos nos conceitos básicos coma músicos, coma persoas. Na que gracias a ti aprendemos tanto; porque a cultura non se fai só con moreas de cartos para sair na prensa, senón tamén con boas ideas, materializadas con a loxística necesaria (organizativa, económica…); na que tanta xente disfrutou dun programa de estudos flexíbel, aberto, asequíbel e divertido; de nova e revolucionaria concepción pedagóxica (formación amateur con compoñente de centro cultural, educativo e social de dimensión viciñal); desmarcada e alonxada conceitualmente dos tradicionais Conservatorios, institucións mesmas que non aportan nada novo (formación moi específica e técnica para os que percuran unha saída profisional) para alguén que busque somentes comprender, descubrir, aprender e disfrutar con todo tipo de música sen importar o estilo, sexa por curiosidade intelectual, mellora persoal, inquedanzas culturais, melomanía, etc..

Educación e cultura musical para todos, non só para os que a poidan pagar (coma ocorre en Conservatorios, academias privadas e clases particulares a domicilio)… Ensinanza musical sen elitismos e incindindo nas bases a nivel elemental, a túa conceitual e utópica anque perseguíbel e desexábel: pirámide do ensino musical en Galiza (tiñas que ver agora a Keops como se puxo dende que te fuche, non hai dieta nen ximnasio que o amañe; o de sempre, moita titulitis e pouca cultura en xeral). Para todo o mundo sen excepcións: nenos, pais, nais, avós…de catro a oitenta anos…boa, bonita e barata (sobre todo barata). Si, a mesma que se criou pioneira en Galiza o abeiro da túa benquerida L.O.X.S.E. Serveu de modelo de referencia organizativa e conceitualmente para moitas outras. Referente cultural e modelo a exportar ó longo de toda a xeografía galega (nun país no que pensamos que o máximo en cultura musical significa sair en playback no Luar ou noutra ordinariez audiovisual semellante; gastar moreas de cartos en premios e certames para que pareza que se fai algo; ir a tocar á feira gastronómica de rigor; e como non, á inauguración oficial ou izado de bandeira perante as autoridades de turno,…); imitando os modelos educativos europeos máis avanzados. “Música para todos, todas as músicas” ese mesmiño era o lema da Asociación Europea de Escolas de Música (E.M.U.); ¿lembras? toda unha maneira de pensar e entender a ensinanza musical resumida nunha frase, xenial, ¿nonsi?. Sí, esa escola coa que viaxamos a Noruega no 2000, como esquecelo. Loucura organizativa certo, pero pagou a pena o resultado. Longas e esgotadoras viaxes de ida e volta; ensaios mañás e tardes sen descansos, noites na carretera… Tiveche que poñer o coche e a gasolina para poder ir a ensaiar por Galiza adiante mensualmente durante preto dun ano; atopar algún amigo que che fixera de chófer e ata che prestara o teléfono móbil; pais colaboradores que puxeran os seus coches e sacrificaran unha xornada de descanso laboral (por suposto, todo altruistamente e sen cobrar un peso de dietas); ademáis de poñer cartos do teu peto e do teu soldo para pagar a inscrición dos músicos ribadenses no festival de Trondheim (adonde fomos representar institucionalmente a Ribadeo e a Galiza na mesmiña terra dos fiordos e das valquirias, aló ben lonxe)…Institucións ¿onde estaban daquela?. Aínda así pasámolo ben alá, ¿non tío?. Inglés macarrónico para poder comer: “… juan chiken menu pliiissss…” ¿non o lembras?, si escachabamos todos coa risa ó escoitarte, si home, coa camarera que te miraba estranada sen entenderche unha palabra; unhas boas risas aló en Trondheim…

¿Porque cho conto dis?. Xa sei que o sabes. O que non sei se sabes e que esa mesma escola non vai a levar o teu nome… ¿Unha débeda coleitiva cara a quen tanto lle debemos?. ¿Suplir cunha decisión xusta unha inxustiza da vida?. Nada de nada aínda segues a ser molesto coma referente cultural, social e educativo…non che hai memoria histórica, esquecemos o que nos convén dun día para outro. Incríbel, moito hipócrita, amnésico e desagradecido eche o que hai. Aquí, en Ribadeo, deténse o tempo e volta á España dos anos 40 cando daba igual se era verdade o que se dicía senón que o importante era quen o dicía ou donde o dicía… o cura, o médico, o mestre ou quen tivera máis “clase social”¿Século XXI? ¿para qué?, manda carallo… Bueno tamén manda o concello que fai tempo contestou que nada de escola “Hernán Naval” que ademáis xa tiña nome e pensaban restaurarllo porque resulta que uns cantos ilusos llo pediramos para lembrarte.

– ¿Non me cres?, de verdade xúrocho. Home claro que é unha mentira, e das gordas ademáis, eu parvo non son aínda que mo faga ás veces. Semella triste que tantos anos facendo de conserxe da escola municipal de música, de administrativo, de director, de profesor, de fotocopiadora, de ordenador, de telefonista, de psicólogo… de tantas cousas…cambiar papel hixiénico, limpar ceniceiros, fregar as goteiras de teito que nos enchoupaban os timbais e o bombo, solucionar problemas familiares e persoais ós estudantes,… pero si ata te temos atopado alí metido algún fin de semana ás dúas da mañá cando voltabamos os músicos de copas…

Por suposto que xa contamos o do nascimento da banda dunha academia particular só para socios xestionada por unha entidade privada e civil e sin ánimo de lucro (“Amadores da Música”), o do DOGA no que se autorizaba un centro oficial e público de ensinanza musical (con as tasas municipais correspondentes) para todos e dependente do concello, entidade oficial, pública e “popular” e moitas outras cousas mil veces; pero sempre tentaron taparnos a boca con presión social, desinformación interesada e silencio oficial das partes implicadas (algúns pensan que desacreditando ó adversario seus argumentos convértense en menos certos ou válidos, que mágoa que a dialéctica non se estude nas escolas). Non conviña, ¿sabes? Nin que o dixeramos alto e claro nin que aínda por riba fose rigurosamente certo. Argumentos enriba da mesa, cronoloxía histórica demostrada, documentación oficial, feitos comprobados para quen quixera consultalos, semántica e dialéctica para explicar as cousas, racionalidade para intentar entender as diferentes posturas. ¿Demasiado simple? Non, hai moito polo medio, é obvio; ¿Desculpa oficial? Home claro pero nin sequera vale como tal; ¿motivos ocultos? Tamén. Decatome perfeitamente: falsedade, envexa, ciumes, xenreira, revanchismo político, prepotencia, posibilidade de vinganza cando non te podes defender… ¿sigo?. Non mellor non, Siberia queda moi lonxe…

¿Cirio dis? Home montouse unha boa lea pero quizáis non coma pensas. ¿Reaccións? Máis por defecto ca por exceso; Bah, pouca cousa en xeral, ¿estranado? A min non me solprende… Nin siquiera os da casa, que tristura haiche moito medo. Non, a iniciativa non saiu nen da banda nen da directiva nen da escola nen por suposto do concello. Saiu dun grupo de xente que sempre pensamos que o mereces: algúns músicos da banda, xente da escola, xente vencellada a ti e os teus proxectos en xeral, e moitos máis… ¿Apoios?, ¿Intitucionais? Vaia chiste. Os xustos para non mollarse, nen sequera iso; non vaia ser que perdamos subvencións do concello para unha tuba nova ou algún socio se dé de baixa. ¿Deslenguado?. Revisa a prensa e o mellor levas unha sorpresa sobre algunhas declaracións e silencios (ás veces aporta máis información o que deixa de dicirse que o que se di). ¿Non o cres ou non ques crelo?. Non é o mesmo é parecido. Algúns confunden o touciño con a velocidade, outros a dialéctica con a política e outras non loitan en guerras perdidas…Que mágoa. Para eles, claro…

¿Calar a boca?. Quizáis debera, non cho discuto pero resulta que non son capaz, non me deixa a miña conciencia; débocho mister porque o mereces, e prefiro durmir tranquilo. ¿Sabes? éme igoal, que lles dean; seguirei a tomalos viños e a falar dos bos e vellos tempos cos ex-compañeiros e compañeiros da banda (sinto que queden máis fóra que dentro, pero non me estrana); de cando a Banda era Sinfónica non só de nome. Sí, fíxenno, fágoo, e penso seguir a facelo. Tentaran quitarnos todo para que te esquezamos e oculta-lo que fixeches durante case dez anos e sen medios (se chegas a ter os recursos de agora mesmo non o cres); pero os nosos referentes culturais, sociais, persoais e educativos e as nosas lembranzas ficaran ahí para sempre (para lembrar o pasado, comprender o noso presente e dominar o noso futuro); un anaquiño teu, a túa semente de axitador socio-cultural, vivirá en cada un de nós con tenrura e respeto; iso, non poden quitárnolo…(anque te quiten dos textos sobor da Banda) formas parte dunha historia común, inesquecíbel e inevitábel (eche o que ten a historia, que aparte de ser antiga está chea de acontecimentos).

¿Contoche un segredo? chegaron a recriminarnos pola rúa o tema das firmas e enfadarse por iniciar esa campaña e foron máis aló neste pobo para deternos roubándonos firmas dun local público… ¿incríbel? pero certo…“ás veces importa máis a aniquilación (económica, social, intelectual,…) do discrepante que a própria Cultura…” (unha frase túa xa o sei, eu tamén lembro o Congreso do 94). Non se pretendeu incomodar a ninguén, cada un é moi libre de estar de acordo ou non, pero tampouco desmontamos as ideas e proxectos dos demáis con informacións que non son certas… Xa vou calando, se podo…; pero sempre ofrecendo un ponto de encontro xeracional, social, educativo, cultural e integrador de primeiro orde, dende a escola, dende a banda dende onde se podía; Unha vez en todo este tempo que amigos, músicos, compañeiros… pedimos algo xusto ou que pensamos que o é, e dannos as costas. Algo elitista ¿non?. Bueno, en fin que para moitos de nós foi, é e será a escola “Hernán Naval” e así pensamos chamarlle. ¿Nome oficial?¿nome institucional?¿Nome sentimental?. Xa o coñecemos todos…os que queremos.

Non, si o final non sei porque sempre me sinto mellor cando teño unha conversa contigo. Bueno pois iso que o saibas todiño…xa falaremos outro día…haiche moito que contar…coidádevos por alá…todos…e da saúdos por ahí…

Fernando Rodríguez Raño, ano 2002